FORO DA CIDADANÍA E DA COMUNICACIÓN
CIDADANÍA E DOCUMENTAL
Son moitas as organizacións do tecido social galego que, dende hai anos, e sen escatimar esforzos, veñen facendo un gran labor de comunicación, manifesto en abondosas publicacións de carácter diverso nas que está escrita boa parte da historia dos movementos sociais en Galicia. Unha prensa alternativa ao discurso dos grandes medios de comunicación, apegada ás reivindicacións dos colectivos sociais, cun papel fundamental na articulación dunha cidadanía crítica e participativa, confiada na comunicación e a liberdade de expresión como principal ferramenta para a construción de tecido cívico.
A terceira edición do Foro “Cidadanía e Comunicación” procura de abrir novos horizontes de investigación á idea vertebral que guiou este evento dende os inicios: a sondaxe das posibilidades de acceso real e efectivo dos movementos sociais aos medios de comunicación. Nos dous anos precedentes reparamos nas relacións entre o Terceiro Sector e o Audiovisual e entre Documental e Cidadanía. Nesta ocasión decidimos poñer o punto de mira na prensa do Terceiro Sector, como vehículo de transmisión dos intereses e demandas destes colectivos e un dos mellores espellos do seu compromiso social.
Na época da Sociedade da Información e do Coñecemento, os medios, no canto de apuntalar a amplificación das liberdades e a construcción de cidadanía, son utilizados como instrumentos ao servizo do mercado e da sociedade neoliberal. Copan o espazo simbólico os intereses xerados arredor da globalización do mercado e a creación de grandes compañías mediáticas de carácter transnacional. Paralelamente, redúcense os espazos para a liberdade de expresión e de comunicación, de creación dunha cidadanía libre e unha democracia participativa. Mais, fronte ao global, xorde a resistencia das culturas locais. Fronte ao pensamento único difundido polos poderes políticos, económicos e mediáticos na dinámica da globalización, nacen voces que reclaman cidadanía tamén para aquelas e aqueles excluídos do sistema.
Xoga un papel chave na activación da cidadanía o que hoxe en día coñecemos como Terceiro Sector, aquel conxunto de organizacións sen ánimo de lucro cuxos obxectivos están vencellados á mellora social. Unha definición ampla, na que se acollen un variado abano de organizacións de carácter diverso (medioambientais, culturais, educativas, sanitarias, feministas, reivindicadoras dos dereitos dun determinado grupo poboacional –colectivos de inmigrantes, xuventude, terceira idade, infancia, persoas con diversidade funcional...-, centradas na cooperación, a solidariedade e a loita contra a pobreza e a exclusión,...). E xoga un papel chave para o Terceiro Sector a comunicación, tanto na procura da cohesión interna e a interrelación da organización como na difusión dos seus obxectivos á sociedade, pois os medios son hoxe por hoxe dos máis activos constructores do imaxinario social. O como comunicar, a través de que valores, que mensaxes e que voces, é hoxe un debate aberto, de feito, dentro das organizacións do Terceiro Sector.
|
|
As publicacións impresas –o que no Foro denominamos como a prensa do Terceiro Sector- son unha ferramenta máis ao servizo dese reto comunicador. As abondosas asociacións e organizacións galegas do Terceiro Sector teñen sido e seguen a ser prolíferas na creación de publicacións propias. De contidos, formato, periodicidade e extensión diversa, supoñen un froitífero vehículo para a difusión de demandas sociais de colectivos cuxas preocupacións rara vez atopan oco nas páxinas dos medios de comunicación masivos. Son implementadoras polo tanto da función democratizadora que á prensa lle corresponde, como contrapoder e voz da cidadanía. Esta prensa alternativa é tamén eficaz transmisora de información especializada, elaborada por colectivos comprometidos e coñecedores a fondo das problemáticas específicas que lle afectan a áreas cunha forte implicación social. Numerosas publicacións de temática ambiental, sanitaria, educativa, cultural, feminista..., imbricadas de raíz no contexto galego, nacidas do esforzo voluntario, constitúen un bo exemplo da prensa alternativa en Galicia, cunha información cun forte compromiso social, difusora das demandas e preocupacións de colectivos sen voz na rede de fontes habitual nos medios convencionais e cunha fondura e especialización de contidos ausente na prensa xeralista.
Porén, a prensa do Terceiro Sector en Galicia constitúe un campo de investigación e análise pouco abordado. A terceira edición do Foro” Cidadanía e Comunicación” pretende chamar a atención sobre esta área de estudo e convocar aos investigadores e investigadoras da comunicación á reflexión e investigación sobre a mesma. Quere así servir de punto de encontro entre a investigación e a práctica da comunicación no Terceiro Sector, entre as e os investigadoras e as persoas que traballan dende estas organizacións sen ánimo de lucro.
O interese desta terceira edición das xornadas é triple:
-Como foro académico na procura de reunir a investigadores e investigadoras da comunicación arredor dun ámbito escasamente explorado até o de agora: a prensa escrita elaborada dende o terceiro sector.
-Como punto de encontro entre as e os profesionais que traballan na universidade -dende o enfoque teórico- e os que o fan dende a práctica cotiá do Terceiro Sector.
-Como instrumento de revalorización da prensa do Terceiro Sector en Galicia tendo en conta a) o seu papel na creación de tecido cívico e na incentivación dunha democracia non só formal senón tamén participativa; b) a súa importancia na visibilización de colectivos sociais a miúdo ignorados no discurso dos grandes medios; c) a especialización e a fondura no tratamento dos seus contidos.
|